Friday 17 de May de 2024

Cambre homenaxea a patinadora Artística Aída Vieites


O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, e varios concelleiros da corporación municipal recibiron hoxe a Aída Vieites Pier, patinadora artística de Cambre que logrou recentemente un quinto posto no pasado mundial celebrado en Reus. O acto, que tivo lugar en Vila Concepción, contou coa presenza da familia e a adestradora da patinadora, Rosa García. Aída Vieites conservou a quinta praza do disco curto en Reus e finalizou no mesmo lugar que no pasado Europeo, un grande éxito sendo o seu debut como sénior, cunha puntuación de 493,1 puntos. Aída logrou diferentes éxitos individuais ao longo da súa carreira deportiva e sempre levou con orgullo o nome de Cambre. Rivas comezou o seu discurso gabando o traballo da cambresa e recordou que “é un exemplo para todos os cidadáns deste municipio, sobre todo para os máis novos”. O primeiro edil obsequiou cun ramo de flores e unha figura de cristal á patinadora e recordou que o maior éxito de Aída foi visibilizar un deporte minoritario “que ás veces é esquecido polos medios e por nós mesmos”. “Aída forma parte dunha xeración de deportistas cambreses que son o exemplo a seguir por todos nós, levan o nome deste pobo por todo o globo e é xusto recoñecerllo, indicouRivas.

Pola súa banda, a homenaxeada, visiblemente emocionada, agradeceu a recepción oficial e apuntou que tanto a súa adestradora coma a súa familia lle achandaron moito o camiño para chegar a ser unha deportista de referencia no panorama da patinaxe artística. “Quero agradecer á corporación este acto e recordar que sen o apoio da miña familia e o traballo con Rosa non tivese podido lograr este éxito”, sentenciou.